O Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2008-2011, é o instrumento de programación co que conta o sistema español de Ciencia e Tecnoloxía para desenvolver os obxectivos e prioridades da política de investigación e innovación a medio prazo. Este escenario presenta os seguintes principios básicos que deben guiar todas as actuacións de I+D+i e, polo tanto, as financiadas ao amparo do Plan Nacional: en primeiro lugar pór as actividades de investigación e innovación ao servizo dos cidadáns, do benestar social e dun desenvolvemento sostible, con plena e igual incorporación da muller; en segundo, constituírse nun factor de mellora da competitividade empresarial e en terceiro lugar, ser un elemento esencial para a xeración de novos coñecementos.
O Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, 2008-2011, presenta unha estrutura baseada en catro áreas directamente relacionadas cos obxectivos xerais do plan: Área primeira, de xeración de coñecementos e capacidades; segunda, de fomento de cooperación en I+D+i; terceira, de desenvolvemento e innovación tecnolóxica sectorial, e carta, de accións estratéxicas.
Para dar cumprimento a eses obxectivos, o novo Plan contempla seis liñas instrumentais de actuación, entre as que se atopa a liña destinada á utilización do coñecemento e transferencia tecnolóxica. Esta liña instrumental articulase a través dun único programa nacional, o de transferencia tecnolóxica, valorización e promoción de empresas de base tecnolóxica, cuxo obxectivo é garantir a transferencia de resultados de investigación das actuacións realizadas con financiamento público, así como profundar e promover aquelas medidas que melloren os procesos de transferencia de tecnoloxía e de coñecemento entre o sector público e o privado.